Wednesday, August 25, 2010

Carta dun verbeneiro á orquestra Olympus


Boa tarde,

Levo toda a miña vida sendo un incondicional do mundo verbeneiro da nosa terra. Vou a cantas festas podo, colaboro coa comisión das festas da miña parroquia e valoro enormemente a calidade musical dos conxuntos que temos a sorte de ter, que sen dúbida xa quererían outros para si. Non dubido que temos moi bos músicos entre as orquestras do noso país.

Precisamente pola miña afección á boa música, á festa e á troula e bo ambiente que se vive na maior parte dos campos da festa nos que teño estado (con algunha excepción que lamento), non podo entender certas tendencias ou "modas" que dun tempo a esta parte parece que se teñen instalado ou se están a instalar aos poucos no repertorio musical/espectáculo dalgunhas das orquestras do país, entre as cales se encontra nun papel moi destacado a Olympus.

Recoñezo que nunca entendín nin compartín a imaxe, na miña opinión denigrante, que se ofreceu historicamente das mulleres na maior parte dos conxuntos musicais. Nunca asumín como normal que, por exemplo, mentres os homes dos conxuntos ou mesmo os solistas podían ir con traxes rechamantes pero normais, as mulleres tivesen que lucir corpo e levaren "canta menos roupa mellor". Pareceríame estupendo se fosen elas as que libremente o decidisen, porque se senten máis cómodas ou polo que sexa, mais sabemos ben que desgrazadamente, mesmo sen moitas delas seren conscientes, van así porque son exclusivamente un "produto de consumo" (ou polo menos de "goce visual") para o público masculino.

Tampouco entendo nada de nada -por moitas voltas que lle dou -a "moda" absurda de meterse co tópico dos "maricóns" (persoas de orientación afectiva-sexual homosexual), precisamente agora que parece que comeza a existir timidamente unha maior comprensión cara á diversidade nas orientacións afectivas nunha parte da poboación, hai algúns avances legais ou xa non existe, por exemplo, aquela chamada Lei de Perigosidade Social (antes chamada Lei "de vagos y maleantes"). Por que, sabían vostedesque até 1979 houbo en España persoas presas no cárcere polo simple delito de seren homosexuais ou transexuais? Só pasaron 30 anos, moi poucos. Moita xente que viviu nas propias carnes a dureza de vivir inxustamente nunha cela polo simple delito de amar a outra persoa (que importará o seu xénero!) continúa hoxe viva. Aínda que só sexa por iso, merecen un respecto. Son heroes e heroínas que o pasaron mal e que, como puideron, loitaron tamén pola liberdade e a democracia da que hoxe gozamos.

Como tampouco entendo a razón pola cal hai que incluír no repertorio musical un tema tan groseiro como "Matarile al maricón" ou por que, en determinado momento, un membro da orquestra se viste de algo parecido a unha muller mentres outro lle pregunta "se é verdade que é maricón" e este, logo de recoñecelo, empeza a perseguir o resto dos membros do grupo coa intención de "meterlles man". Coñecen vostedes moitas persoas homo ou transexuais que se comporten así? Eu a ben poucas, asegúrollo. Pola contra, coñezo moitos homes heterosexuais que van así detrás das mulleres calquera noite de venres ou sábado nun bar ou discoteca, sen que por iso ninguén os ridiculice nin os someta aoescarño público. Paráronse a pensar que se cadra abaixo do escenario, no campo da festa, hai homosexuais, hai mulleres, haitransexuais, hai persoas (sexa cal sexa a súa orientación ou condición)que se poden ver molestas ou directamente insultadas? Eu tiven que deixar de acudir ás festas nas que vostedes tocaban precisamente por esa razón. E, coma min, os meus pais, por exemplo, que o ano pasado volveron avergoñados das festas de Sada.

Imaxinen, por un momento, que haxa algún membro da Olympus que na súa privacidade, no seu particular "armario", teña unha condición afectiva homosexual ou practique relacións homosexuais ou bisexuais. Imaxinan o drama psicolóxico que ten que supor cada actuación musical, cada show, para esa persoa. Pode ser, desgrazadamente, que ela propia chegase xa a tal punto de autonegación ou de asunción da discriminación que nin a perciba como un problema. Mais a discriminación persiste, por moita carta de naturalidade que se lle queira dar. Pensen, se non, nas millares de mulleres maltratadas que seguen a aturar todo tipo de maltrato e violencias porque pensan que é "a maneira de ser" dos seus compañeiros sentimentais ou "a demostración de que as queren".

Veño de ter noticia de que unha das últimas "brincadeiras" incorporadas á súa xira deste ano consiste, nada menos, que en insultar un dos seus trompetistas afroamericanos, chegando a o chamar, poloque me contan, "negro de mierda" ou falando con el de xeito despectivo,con frases como: "a ver, ti, negro, entendes o galego?". Sinceramente,hai cousas que un público minimamente normal non pode asumir, calar nin tolerar. Por iso me animei a escribirlles e, coma min, sei que o está a facer algunha outra xente.

Comprobo con sorpresa como esas primeiras críticas ao seu xeito de actuar non só non son ben recibidas, senón que o son da peor maneira posíbel: perdendo as formas e respondendo con todo tipo de insultos e faltas de respecto a quen simplemente está a emitir, como público, unha opinión, correcta e formalmente, sen caer xamais en insultos nin descualificacións. Vexan se non a que me refiro:http://orquestaolympus.blogspot.com/2010/08/peke_19.html. Imaxinan vostedes unha empresa contestando así a reclamación dun consumidor? Pois pensen que vostedes son unha empresa e nós, con todo o dereito, os consumidores e consumidoras do seu espectáculo. Son as regras do chamado "libre mercado"; non as inventamos nós.

Dubido, sinceramente, que me respondan. Penso, ademais, que se o fan, será en termos de: "se non che gustamos, non nos vexas". Pois miren, non. As festas, polo menos de momento, son nosas, da xente, do pobo; non dos conxuntos, do diñeiro ou do negocio. Polo de agora -non sei por canto tempo -temos dereito a escoller e tamén a pedir, suxerir e reclamar. A grandeza dos vellos conxuntos musicais do país -desde Os Tempranos e os Mallo a Los Tamara -consistía non só na música, senón en que sabían que estaban ao servizo do público. As orquestras, grandes e pequenas, deben estar ao noso servizo; non o público ao servizo delas.

Moitas grazas pola súa atención.

Un saúdo

Francisco Rei GarcíaLiáns-Oleiros

No comments: