Wednesday, August 25, 2010

COMUNICADO FECHAMENTO DE CAMPAÑA

No primeiro comunicado tentamos expor de forma clara os motivos e os obxectivos que nos levaron a facer esta campaña. Mais polos argumentos, respostas e comunicados que se publican, pensamos que podemos lograr un maior entendemento se expoñemos novamente a nosa postura sobre certos puntos:

Olympus e outras orquestras. A campaña céntrase en números concretos da orquestra Olympus polas implicacións do seu contido (expostas máis abaixo), e porque recollemos malestares respecto do mesmo que se fixeron públicos a través da rede, así como os que foron achegados de forma directa ao colectivo. Mais a denuncia esténdese ao resto de orquestras que inclúan este tipo de “espectáculos”, como consta no primeiro comunicado: http://panterasgz.blogspot.com/2010/08/as-panteras-rosa-ante-as-desculpas-de.html. Ademais estes malestares non partiron só de persoas organizadas en colectivos lgbt, senón tamén doutras persoas que asistiron algunha vez a estes shows, e que difiren tanto en orientación sexual, como en idade, vinculación coas verbenas, profesión, ideoloxía, etc.

O persoal e o espectáculo. Dicimos “espectáculo” porque queremos dicir precisamente iso, espectáculo. Repetimos que a denuncia se fixo sobre contidos concretos do traballo dunha orquestra, non sobre aspectos persoais. Cando a orquestra utilizou o seu dereito a réplica (tanto no primeiro comunicado como en comentarios posteriores) fíxoo en termos persoais, mais isto non implica que eses sexan os termos da nosa campaña, nin da nosa posición como colectivo. Cando o que se publica ou argumenta xira en torno a aspectos que non teñen nada a ver con eses números concretos sobre o escenario (como personalidade d@s compoñentes, capacidade de traballo, aspectos privados…) consideramos que non ten relación coa nosa denuncia, nin responde a ela.

Implicacións. Que un compoñente da orquestra se disfrace dunha versión ridiculista de gay, e violente ao resto de compañeiros perseguíndoos para meterlles man mentres estes escapan e o rexeitan, só reforza a visión de que o conxunto da sexualidade gay se reduce ao sexo constante e indiscriminado, e moitas veces non consentido. Visión prexuizosa, reducionista e discriminatoria pola que se argumenta que as nosas relacións non son relacións reais, nas cales pode existir compañerismo, cariño, amor, respecto… e que por iso son marxinais, e han reducirse ao superficial e ao festivo; que por iso non podemos establecer unións recoñecidas a nivel legal, nin podemos criar fill@s, nin debemos desfrutar dos mesmos dereitos nin merecemos o mesmo respecto. Por esta actitude que presenta o espectáculo de violentar e manter comportamentos que non son recíprocos nin consentidos se nos acusa en repetidas ocasións de violadores e pederastas.
Que este compoñente travestido sexa constantemente rexeitado, excepto para ser volteado, agachado e simuladamente penetrado de forma anal, reproduce a mesma visión prexuizosa e discriminatoria de que o sexo entre homes é unha cuestión xerárquica e vexatoria. Que ser penetrado é ser degradado, e polo tanto é algo a evitar. Mais penetrando asúmese a posición de poder, e de degradar a outro. E iso é algo a escoller. Como cando se nos escolle como brancos para facer “humor” nas aulas, no traballo… Cando se nos degrada verbal ou fisicamente en espazos públicos,…
E estes son só dous exemplos.
Transmitir estes contidos nos “espectáculos” é violencia, e significa manter as posicións de opresión e normalizar outros actos de violencia de diferente gravidade noutros espazos, xa que se constrúen sobre as mesmas conviccións.
E o que sucede coas mensaxes homofóbicas sucede de igual modo coas sexistas, e xenófobas. Por iso non o consideramos humor, nin espectáculo; porque non é diversión normalizar a opresión. E por iso nos mobilizamos.

Respecto de COLEGAS, o falso colectivo LGBT. Sinalamos de novo que este apadriñado do Partido Popular non nos representan como lgbts galegas, e que non compartimos en ningún momento os seus posicionamentos nin recoñecemos as/os seus integrantes como compañeiras e compañeiros.

Agardamos tras destas puntualizacións engadidas ter esclarecido aínda máis a nosa postura, na cal nos reafirmamos.

Dado que a Olympus presentou as desculpas pertinentes e manifestou que estes espectáculos concretos serían retirados, damos por finalizada a campaña, e permanecerá así mentres que se manteña a posición coa que se comprometeu a orquestra.


E a tod@s vós que nos apoiastes, que asinastes a denuncia, que comentastes, que vos unistes aos grupos en rede, que enviastes mails… que sumastes forzas! As Panteras queremos facervos saber que nos sentimos agradecidas, reconfortadas, empoderadas e orgullosas de ser lésbicas, gays, bis, trans, queers, feministas, migrantes, mulleres… e galegas, e de sacar as garras convosco!

Até a próxima loita!

2 comments:

Iolanda Aldrei said...

Comunicado sensível, inteligente, correcto, respeitoso, amável, educado... De todo isto há que presumir, meus, minhas. Impecável. Parabéns... e aqui estamos para o que seja justo e de direito.

Abraços.

Iolanda R. Aldrei

Unknown said...
This comment has been removed by the author.